moiceleste.com
·28 de maio de 2025
moiceleste.com
·28 de maio de 2025
Seguro que a moitos de vós, ao falar en galego, algunha vez vos corrixiron por empregar o verbovolver. “Dise voltar”, aseguran, e é moi probable que nese intre rectificárades, convencidos de que voltar era o termo axeitado.
Porén, segundo a Real Academia Galega, o verbo correcto é volver. E agora, o Real Club Celta de Vigo vén de poñer enriba da mesa un vello debate: é oportuno incorporar ao dicionario o termo voltar, tan estendido entre os galegofalantes? A polémica rexurdiu grazas á campaña do club celeste, cuxo lema non foi creado pola entidade, senón que naceu dunha adaptación dun cántico popularizado nos últimos encontros de Liga. Falamos do xa coñecido e pegadizo “Fillos dunha paixón”, que nunha das súas estrofas di: “Soño con voltar a Europa para verte campión.”
Non é a primeira vez que o Celta deixa pegada na cultura galega. Na súa última participación europea, o departamento de márketing apostou por dar visibilidade á palabra afouteza, que acabou sendo elixida como a palabra máis fermosa do ano e foi, durante semanas, das máis buscadas no dicionario en liña da Real Academia Galega.
Agora, sen pretendelo, o club podería estar contribuíndo a reabrir un vello debate lingüístico. E quen sabe se, grazas a esta campaña, acabará por darlle ao verbo voltar —xa presente na fala cotiá de milleiros de galegos— un lugar no dicionario normativo.
Ao vivo